Friday 03 de May de 2024

A Axencia galega para a xestión de Coñecemento en Saúde, ACIS, vén de poñer en funcionamento a súa páxina web


A Axencia é o instrumento ao servizo do sistema público de saúde de Galicia para que o coñecemento circule de forma óptima dende a súa orixe ata a súa transferencia á sociedade

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), organismo de recente creación, dependente da Consellería de Sanidade, vén de poñer en funcionamento a súa páxina web, no enderezo http://acis.sergas.es e que tamén está dispoñible no enderezo http://acis.sergas.gal

A Axencia de Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada con vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde na Comunidade Autónoma.

Trátase dun organismo que supón, segundo se sinala na súa web, unha nova visión para afrontar os retos do coñecemento, a ferramenta máis valiosa dos profesionais sanitarios para o coidado da saúde. Deste xeito, a experiencia, a formación, a investigación, a innovación e as novas tecnoloxías garanten a mellora continuada da práctica sanitaria e é necesaria unha xestión integrada de todas elas para acadar a máxima obtención de valor cara ao paciente.

Cómpre sinalar que, por un lado, a asimilación e aplicación de novas técnicas, terapias e tratamentos é imprescindible para ofrecer unha atención sanitaria da máxima calidade. Doutra banda, o avance do coñecemento que fai posible estas novas ferramentas é cada vez máis rápido, polo que é imprescindible ter os recursos necesarios para xestionalo de maneira autónoma, áxil e eficiente, orientado a resultados e cunha visión capaz de combinar as necesidades inmediatas coa planificación a medio e longo prazo.

Integración
Tal e como se recolle na web, ACIS é o instrumento ao servizo do sistema público de saúde de Galicia para que o coñecemento circule de forma óptima dende a súa orixe ata a súa transferencia á sociedade. Para logralo, integra nunha mesma cadea de valor a formación dos profesionais sanitarios; a coordinación da investigación en saúde; a innovación baixo un enfoque aberto para que os resultados cheguen do laboratorio á cama do paciente e tamén ao mercado, con retornos económicos que reverterán na sanidade pública; e, ademais, a avaliación de tecnoloxías para garantir a aplicación das máis novas baixo criterios de máxima seguridade e eficiencia.

Nesta recén estreada páxina web pódese ver un vídeo de preto de 3 minutos de duración explicativo das funcións da ACIS. Nel destácase que este organismo nace para tecer e alimentar a rede na que todas e todos os profesionais do Sistema Público de Saúde de Galicia se forman, investigan, innovan, comparten experiencias e interactúan coa súa contorna. Neste contexto, ACIS traballa para que o coñecemento flúa de xeito eficiente, nun modelo de innovación aberto e cunha clara visión internacional.

En definitiva, ACIS pon en valor o talento e o coñecemento para lograr a excelencia e a máxima competitividade no ecosistema sanitario galego. O resultado é a mellora continúa no coidado das persoas.